A organización da feira VINTECH 2010 Salón do Viño Técnicas e Equipamento, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de abril no recinto feiral de FEXDEGA de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), pediulle á Asociación Galega de Catadores a súa colaboración para o evento. Por iso, de maneira conxunta coa Asociación de Sumilleres Gallaecia, organizamos a conferencia titulada "Criterio de elección de barrica", que impartirá Ramón Cendoya (director xeral de Tonelería Victoria - Radoux).
A conferencia celebrarase o martes 27 de abril, de 17 a 19 horas no Salón de Actos de Fexdega, e abordará, entre outras cousas, cuestións como o tipo de madeira, a orixe, o tamaño do gran, o toste, o volume ou a cata dun mesmo viño procedente de barricas de distintas orixes, grans e tostes.
Os membros da Asociación Galega de Catadores poderán asistir sen cargo e acompañados, logo de reserva, ata cubrir aforo. Igualmente, dispoñemos de entradas para que os asociados poidan visitar a feira.