Os membros da Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV) elixiron entre os viños que se elaboran amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro, os mellores de 2009 e optaron por distinguir cinco na categoría de brancos, dous na de tintos e un na de tostados. Esta elección enmárcase dentro dos actos organizados con motivo da I Edición dos Premios AEPEV de Viños e Espirituosos de toda España, na que participaron, por votación dos seus socios, un total de 425 marcas.
Por orde alfabética, os viños galardoados pola AEPEV son Casal de Armán 2008, de Adegas Javier González Vázquez en Ribadavia; Colección Costeira Treixadura 2008 de Adega Vitivinícola do Ribeiro, tamén en Ribadavia; Emilio Rojo 2008, de Adegas Emilio Rojo, en Leiro; Lagar do Meréns Barrica 2008; de Adegas José Meréns Martínez, en Arnoia e Pazo Casanova Máxima 2008, de Adegas Pazo Casanova, en Ourense.
Na categoría de tintos, os premiados foron Abadía de Gomariz 2007, de Adegas María Álvarez, en Leiro, e Sameirás, de Adegas Antonio Cajide, de Ribadavia; mentres en tostados, o galardón foi para Alma de Reboreda, de Adegas Campante, en Toén.
Os premios entregaranse o próximo 12 de marzo no curso dunha comida de gala que se celebrará no Mosteiro de San Clodio, en San Clodio-Leiro, na provincia de Orense, ao que teñen previsto asistir, ademais do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez e outras autoridades galegas, a presidenta da AEPEV, María Isabel Mijares García-Pelayo, acompañada da Xunta Directiva Nacional, ademais dos membros do Comité Organizador do Premio, Manuel Morales, José Luis Murcia, Luis Paadín e Marcial Pita.
Tamén confirmaron a súa asistencia algúns membros do Comité Executivo da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores do Viño (FIJEV), entre os que se atopa o seu secretario xeral, Hervé Lalau, en representación do presidente, Joël B. Payne; o presidente da Academia Española de Gastronomía, Rafael Anson, o crítico vitivinícola José Peñín, ambos os dous membros da AEPEV, e Concha Cuetos, primeira actriz española que fixo o papel de enóloga nunha película como "Ouro Fino", ademais de ser unha grande amante do viño e realizar un curso de cata de viños na Universidade Internacional Menéndez Pelayo.
A idea da AEPEV é que o Premio sexa rotatorio e se celebre en diferentes lugares de España cada ano, tras esta primeira edición que se levará a cabo en Galicia, en coincidencia co Ano Xacobeo. Con esa filosofía, ademais da elección de viños e espirituosos nacionais, preténdese premiar os viños da zona onde se celebre o evento cada ano.